Amosando publicacións coa etiqueta PROXECTO “O PLANETA ESTÁ ANOXADO”. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PROXECTO “O PLANETA ESTÁ ANOXADO”. Amosar todas as publicacións

mércores, 15 de xuño de 2022

GAÑADORES/AS DO CERTAME DE RELATOS CURTOS!!!



O CEIP MALLÓN GAÑA O ‘I CERTAME INFANTIL E XUVENIL DE RELATOS CURTOS CARLOS CASARES’ CONVOCADO DESDE O CONCELLO

O xurado dictaminou por unanimidade o fallo no que se designa ‘Un becho no colexio’ da clase de 3 de Primaria como o vencedor. Destacan a súa orixinalidade, a gran calidade literaria e a súa conciencia medioambiental

O alumnado recibíu onte cadansúa medalla e bolsa con libros de agasallo e o colexio obterá un lote de libros e unha representación de Teatro do Ar no propio centro baseada nos relatos presentados

Nigrán 14/06/22.- O CEIP Mallón resultou o colexio gañador do 'I Certame Infantil e Xuvenil de relatos curtos Carlos Casares' convocado polo Concello de Nigrán co obxectivo de promover a lingua galega entre a mocidade ao tempo que se homenaxea a un dos veciños máis ilustres no 20 aniversario do seu falecemento. O alcalde de Nigrán, Juan González, e o secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo Garrido, entregaron no propio centro educativo ao alumnado de 3 de Primaria cadansúa medalla, bolsas con libros, diploma e trofeo. A maiores, o colexio recibirá unha representación teatral no seu centro a cargo de Teatro do Ar e cos propios relatos como fío conductor e un lote de libros para a Biblioteca. O Concello solicitou unha subvención á Dinamización Lingüística de Xunta para este asunto.

O concurso, dirixido a todos os colexios do municipio e con posibilidade de presentar relatos realizados en grupo, contou coa participación de 6 obras elaboradas de xeito colectivo e todas pertencentes á categoría 'Cativos' (nados entre o 01/01/2013 ó 31/12/2010). O seleccionado por unanimidade do Xurado como vencedor foi 'Un becho no colexio', firmado baixo o pseudónimo de 'Os protectores da natureza' e correspondente a 3 de Primaria do CEIP Mallón. Todos os relatos están pendurados na web www.nigran.es

No veredicto destacan por riba de todo "a orixinalidade da obra (unha píntega rabilonga que fala) e a propia calidade literaria, xa que se trata dunha narración fantástica chea de imaxes e cunha redacción moi fluida e traballada. Ao mesmo tempo, o relato transmite valores vinculados á concienciación medioambiental e a protección da biodiversidade no noso propio territorio, amosando neste sentido a importancia da responsabilidade individual en cada pequeno xesto da nosa vida cotiá". Igualmente, o xurado (composto por Gustavo Garrido, xerente da Fundación Carlos Casares; Beatriz Gil, propietaria da librería 'Paraísos de Papel', e María Villar, xornalista no Concello de Nigrán) subliña o excelente nivel das demais obras presentadas, todas elas de gran calidade literaria, moi orixinais nas súas formulacións, apegadas a Nigrán e a nosa cultura, cheas de valores e cun perfecto manexo da lingua galega.

O Concello aposta por manter este certame de xeito anual adicado a figura dun dos seus veciños máis ilustres e avanza un verán cheo de programación adicada ao escritor que incluirá roteiros, teatro ou exposicións.

martes, 3 de maio de 2022

CHARLA INFORMATIVA SOBRE MEDIO AMBIENTE

 

O pasado mércores, as clases de 3º, 4º, 5º e 6º recibimos na biblioteca a Afonso, biólogo e apaixonado defensor da natureza. Explicounos unha chea de cousas sobre a importancia de coidar o medio ambiente, a necesidade de controlar a expansión das especies invasoras como o eucalipto ou a acacia e de valorar a importancia de apostar polas especies autóctonas como o carballo ou o castiñeiro. Tamén amosounos unha chea de fotografías dos incendios do ano 2017 e as súas fatais consecuencias para a flora e a fauna. Pero como non todo ía ser tristeza e destrución, tamén nos ensinou como despois dunha catástrofe medioambiental a natureza comeza a recuperarse. Moitas grazas pola túa visita, seguro que nos volveremos a ver!






mércores, 27 de abril de 2022

EXPOSICIÓN NUBES DE PALABRAS

Con motivo da celebración do Día do Libro, dende a biblioteca organizamos unha exposición de nubes de palabras relacionadas co coidado do medio ambiente, a biodiversidade, respecto pola flora e a fauna, etc. Aquí tedes unha pequena mostra do fabuloso traballo dos nen@s de Mallón.

mércores, 27 de outubro de 2021

A árbore da esperanza - Día das bibliotecas escolares 2021

 

Con motivo do 24-O, Día das bibliotecas escolares, elaboramos un mural relacionado co proxecto deste ano entre todo o centro.

Así pois, o alumnado de Infantil representou as raíces desta árbore da esperanza estampando as súas mans, 1º e 2º as follas, 3º e 4º as flores e 5º e 6º os froitos, decorando as súas creacións cunhas palabras e mensaxes fermosas en favor do medio ambiente.

mércores, 22 de setembro de 2021

Benvid@s ao novo curso escolar 2021-22


Benvid@s ao novo curso 2021-22. O novo, aínda que xa coñecido Equipo de Biblioteca, está de volta!!! Este ano formaremos parte del: Natalia (coordinadora), Graciela, Josefa e Sergio.

 A nosa principal premisa seguirá a ser a de potenciar o pracer pola lectura entre as nosas familias e alumnado a través de diferentes actividades de animación á lectura, ademais de seguir apostando polas iniciativas que fomentan  e desenvolven o tratamento da información como son os Proxectos Documentais Integrados.

Durante este curso traballaremos nun proxecto a nivel de centro que xirará arredor do respecto polo medio ambiente, así que estade atentos porque pronto teredes unha chea de propostas e sorpresas coas que seguir aprendendo mentres nos divertimos.